Monday 13 de May de 2024

A Xunta destina máis de 3,1 M€ á subministración de 108 vehículos para renovar parte do parque móbil dos servizos de Patrimonio Natural e Recuperación de Fauna


— O contrato permitirá dotar ao persoal de camionetas estilo pick-up, coches SUV 4×4, furgonetas e vehículos todoterreo para facilitar o seu labor nas zonas forestais ou de difícil acceso nas que adoitan actuar

— A disposición de medios máis modernos favorecerá un aforro de combustible, unha maior eficiencia enerxética e a redución de emisións ao medio

A Xunta destina máis de 3,1 millóns de euros a un contrato para a subministración de 108 vehículos cos que renovar parte do parque móbil adscrito aos servizos provinciais de Patrimonio Natural e dos Centros de Recuperación de Fauna e optimizar o labor dos seus profesionais.
O contrato, licitado nos últimos días e publicado na plataforma de contratos de Galicia, repártese en cinco lotes en función do tipo de vehículo requirido, abarcando camionetas estilo pick-up, coches SUV 4×4, furgonetas e vehículos todoterreo. A modalidade elixida para a subministración é o sistema de arrendamento na modalidade de renting, posto que resulta máis rendible e permite aproveitar mellor os recursos públicos ao corresponder ao adxudicatario o mantemento integral dos vehículos, as reparacións e outros gastos.
Esta actuación pretende modernizar parte dos medios materiais adscritos á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, tendo en conta que para o exercicio das súas funcións o seu persoal precisa, entre outros, vehículos tipo todoterreo, dotados de tracción integral preparados para transitar por pistas forestais estreitas e outras zonas agrestes ou de difícil acceso, manobrar sen dificultade en terreos embarrados e superar fortes pendentes a baixa velocidade. Así mesmo, os Centros de Recuperación de Fauna requiren de furgonetas lixeiras con separación de carga para a recollida de fauna silvestre.
A licitación deste contrato -cunha duración de 24 ou 48 meses en función do tipo de vehículo- permitirá dispoñer de vehículos máis modernos que os do parque móbil actual, favorecendo un aforro de combustible, cunha maior eficiencia enerxética, e a redución das emisións ao medio, así como facilitando o labor dos profesionais dos servizos de Patrimonio Natural, que desenvolverán o seu traballo con maiores condicións de seguridade.